Ecofeminismo para o decrecentismo que vén

Teresa Moure

(texto en gallego)

1. En contraste co desprezo que habitualmente recibe o feminismo nos medios de comunicación, a presentación do programa de obxectivos do eco-feminismo serve regularmente para gañar os auditorios. En canto se alude á conexión entre ecoloxía e feminismo, a opinión pública suavízase. As mulleres non poden estar no mundo para servir o home ?razoamos? e, igualmente, a natureza non pode estar aí como un conxunto de recursos que o home poida dominar ao seu antollo.

Enunciarmos esta conexión parece concederlle tanto lexitimidade revolucionaria á loita verde, para que non pareza unha cuestión de sensibilidade, como á loita feminista, que ve ensanchado o seu ámbito fóra das loitas pola representación. Porque, fronte a un feminismo institucional que actúa intentando coar mulleres no status quo, o ecofeminismo conserva o alento subversivo de pretender rebentar o sistema enteiro e eliminar os privilexios de xénero, que é o auténtico obxectivo dos movementos sociais de base. Nese sentido, para min a descuberta do ecofeminismo foi unha refoleada de aire fresco.

2. Ao pór no foco a conexión entre sexismo e opresión da natureza, a experiencia ecofeminista permítenos ver algo que moitas vangardas revolucionarias non dan visto: que unha ría non é unha masa de auga da que obter explotación industrial nin unha montaña é unha morea de minerais que podemos extraer para nos enriquecer. Unha ría ou unha montaña son axentes da paisaxe que cultivaron distintas formas de vida ao longo dos séculos. Se os aceptamos nesta condición de incubadoras imprescindíbeis para a vida, é doado concedérmoslles o dereito a se manteren por riba dos intereses, efémeros e puramente económicos, dos seres humanos.

A diferenza doutras perspectivas, o ecofeminismo non procura atender os obxectivos limitados das mulleres burguesas. Mais tampouco se conforma con aceptar que a revolución do proletariado se satisfaga sen considerar a cuestión do xénero, por moito que a algúns compañeiros aínda lles pareza accesoria. Os dinosauros son eles. Porque pensar que o xénero é un engadido á cuestión básica da clase supón, en realidade, non cuestionar TODAS as relacións de privilexio.





3. Entre as precursoras do ecofeminismo está Vandana Shiva, unha
pensadora india vinculada ao Movemento Chipko; un grupo de mulleres
que se encadeaban as árbores para evitar a súa tala dentro dun
proxecto de reforma agraria particularmente agresivo. O movemento
Chipko oponse á lóxica dunha agricultura industrial, mecanizada e
dependente dos ditados dos laboratorios. Mais tamén dá carta de
presentación a outras reivindicacións inéditas no feminismo. Quero
enlazar esta cuestión coa crítica que as feministas do Terceiro Mundo
fixeron do feminismo occidental ao sinalaren que as estereotipaba. A
tendencia, efectivamente, é ver as mulleres africanas, indias ou
andinas como relixiosas (ou sexa non progresistas), orientadas á
familia (ou sexa, tradicionais), menores de idade (non conscientes dos
seus dereitos), analfabetas (isto é, ignorantes) e domésticas (o que é
tanto como primitivas).

Fronte a este perfil, o movemento Chipko implicaba que un pobo non
occidental podía desenvolver os seus propios métodos de loita, cuns
obxectivos ben trazados, e asumíbeis desde outros lugares nunha lóxica
de resistencia anti-globalización. O feito de que as súas activistas
fosen nais aínda merece comentario: no feminismo occidental, e Galiza
non é unha excepción, as nais estamos mal consideradas, máis aínda
cando decidimos voluntariamente coidar as crianzas, dedicarlles tempo,
"sacrificar" perspectivas profesionais, ou experimentar aventuras
biolóxicas como o aleitamento que, ao comprometernos persoalmente,
pasa nalgúns círculos por ser unha práctica anti-igualitaria.
En todo caso, os feminismos asentados en posicións de poder tenderon a
impor a súa axenda. En lugar de celebraren a festa da diversidade de
pensamentos, teimaron na loita de empoderar mulleres e rachar cos
teitos de cristal; calquera muller que dubide do concepto de liderado
ou que non estea interesada en escravizarse como fan os executivos
pasa a ser sospeitosa de tradicionalista, de non "verdadeiramente
feminista". Nese sentido, considero que a perspectiva ecofeminista
iniciou unha auténtica decolonización do feminismo, seguida logo por
outras propostas. Ademais de denunciaren a familia, o estado ou o
capitalismo na opresión de xénero, as ecofeministas introduciron
factores como a raza, o carácter indíxena, as sexualidades
alternativas, a relixión ou a condición de estranxeiría e salientaron
que a natureza se vía sempre afectada nesta relación de dominio.
En termos xerais, o ecofeminismo traballa na difusión da agricultura
ecolóxica, na crítica contra os transxénicos, no mantemento da
biodiversidade, en fomentar o compromiso activo das mulleres co
ecoloxismo e na rexeneración do sentimento democrático. Como pode
observarse, estes obxectivos non corresponden a un programa
conservador e procuran a transformación real das vidas de mulleres
tamén reais. Son, por tanto, obxectivos subversivos, encarnados nas
poboacións máis vulnerábeis, e moi universais. Porén, nas compilacións
feministas que se publican por aquí, Vandana Shiva non figura ou,
cando aparece, resulta simplificada porque o seu discurso está
ateigado de expresións que nas nosas linguas e nas nosas cosmovisións
non figuran, tales como o respecto ao valor sagrado da vida que, de
lermos apresuradamente, pode parecer un alegado contra o aborto. Creo
honestamente que non hai tal. Shiva refírese ao respecto a un contorno
natural desprezado e salvaxemente aniquilado e en ningún momento
aplica o seu argumento ao goberno que as mulleres queiran facer do seu
corpo.

Exemplifico con Vandana Shiva mais poderiamos citar moitos outros
exemplos que traio aquí porque considero que a mesma tipificación que
afecta ás feministas do terceiro mundo, pode darse en Galiza. Escoitei
moitas veces a Lidia Senra dicir que a única diferenza entre unha
muller rural e unha muller urbana era o lugar onde vivían. E concordo
plenamente. Desde hai anos son unha muller rural, unha muller que vive
na aldea, que se concede tempo para coidar a súa xente, que loita para
que a xeira diaria non a devore e dispor así de vagar para a
existencia. Espero que a pesar de ser eu unha muller rural, non se me
interprete como conservadora, nin tradicional, nin ignorante, nin
inconsciente dos meus dereitos, nin desconfiada, nin primitiva.

4. Practicamente en cada un dos territorios do planeta empobrecidos
polo capitalismo xurdiu unha loita feminista ligada á defensa da
terra, á defensa do que, sen ollada ecolóxica, se chaman os sectores
produtivos. O leite ou as conservas poden ser os grandes expoñentes na
Galiza desta vertente de activismo e o sindicato labrego galego cobre,
até onde eu sei, todas as esferas de traballo cotián, de dignificación
dos saberes populares, de resignificación das mulleres rurais. A pouco
que se pescude, o ecofeminismo non pode ter ese aquel conservador que
se lle atribúe cando consegue facer conscientes de si a mulleres
labregas, desconsideradas na cidade e tradicionalmente invisíbeis,
cando as anima para estudaren, para viaxaren, para adquiriren novos
coñecementos sen desprezo dos vellos e cando, finalmente, consegue a
titularidade compartida das explotacións agrarias; un golpe evidente á
transmisión patriarcal da propiedade. Hai un par de anos Tareixa Ledo
Regal publicaba un volume de homenaxe a Lidia Senra onde desenvolvía o
concepto de liderado entrañábel. Trataba a autora de valorar os
acertos organizativos, estratéxicos e prácticos da homenaxeada,
destacando o seu carácter peculiar. A durante moitos anos secretaria
xeral do SLG non actuaba como as cabezas visíbeis dos corpúsculos ao
uso. Porque, xa sexan dirixentes de organizacións políticas ou
voceiros de movementos na rúa, xa sexan solistas de grupos de rock ou
figuras na avogacía, no sindicalismo, na universidade ou onde for, a
tendencia é que o líder sexa un home decidido, ousado, grande orador,
capaz de encoraxar outras persoas a realizaren determinada acción. O
liderado entrañábel implica un menor protagonismo persoal, que se cede
continuamente ao grupo que se representa; implica a atención a
matices, a opinións diverxentes para realmente negociar e
intercambiar; implica un compromiso cos coidados e, sobre todo, unha
dose de inseguranza ou de escepticismo ao respecto das propias
virtudes e das propias conviccións que, na miña opinión, devén
inmediatamente sabedoría. O liderado entrañábel nace do feminismo máis
colectivista. No activismo feminista, aínda que hai nomes de mulleres
moi recoñecidas, é difícil andar distinguindo individualidades:
actúase en coherencia co que representa a emerxencia dun colectivo
historicamente marxinado. Entramos todas ou non entra ninguén. E iso
non se asemella precisamente ao que adoitan facer as mulleres que
encabezan ou dirixen departamentos prestixiosos na administración ou
na academia, nin sequera as que loitaron por listas cremalleira.
O liderado entrañábel, o traballo anónimo e colectivo vai ser
fundamental nunha época de rexeneración democrática, en que as
organizacións e os seus emblemas e figuras están desprestixiados. Nese
sentido, o ecofeminismo, crítico co consumismo e coas présas, atento á
calidade de vida, á dignificación da humildade, tenro, colaborativo,
dialogante, ten alento ético para sustentar unha auténtica
rexeneración democrática da cousa pública. E debemos turrar del.
Debemos considerar que hai unha forza política e ética nesa
dificultade para impor a propia opinión, que é tan característica das
mulleres galegas e tan indicativa da dificultade de cambiar as mentes
dos outros.

5. O ecofeminismo denuncia a dominación sobre as mulleres e a
natureza; non asume a visión, habitual na tradición filosófica de que
bebemos, que contempla a muller como un ser natural, que ocupa un
lugar intermedio entre o animal, todo instinto, e os propios
pensadores, que se vían como todo razón. En realidade, esa
identificación parece algo intereseira, sobre todo cando miramos ao
redor e vemos qué plan reservaba o home para a natureza. Porque o
proxecto intelectual que arranca da filosofía helenística e que ten o
seu momento máis alto no racionalismo; o proxecto que constrúe o
estado moderno, o home racional, a civilización occidental, está
orientado exclusivamente a someter a natureza. Daquela cabe pensar que
cando se vinculou as mulleres e as paisaxes estábase construíndo un
plan de dominio do que non sairían ningunha delas ben paradas.
Para desenvolver os artellos mecánicos propios das ciencias
aplicáronse principios de subordinación violenta. Os pobos de América,
Asia e África foron tratados como salvaxes, como seres menores, igual
que se facía coa natureza e as mulleres en Europa. Despois de seren
expropiadas, as poboacións indíxenas dos territorios dominados, serían
reinterpretadas como lacazás ou pouco aptas para a produción
intelectual; igual que as mulleres. Aliás, para lexitimar o
imperialismo e o enriquecemento das elites occidentais, cumpría un
aparato ideolóxico que xustificase a intervención violenta. Foi
sinxelo atopalo: a natureza e as mulleres non tiñan alma e, sen alma,
só podían ser materias primas, que podían explotarse. A partir de aí,
a produción de bens lucrativos determinou o que era valioso e o que
non. Como resultado, as persoas de raza branca proclamáronse máis
valiosas que as morenas, amarelas ou negras; os homes considéranse
máis valiosos que as mulleres; os propietarios dos medios de
produción, superiores aos que traballan. En poucas palabras, o
racismo, o sexismo ou as lóxicas e as políticas de dominio (o que
inclúe desde o fascismo até as democracias de maiorías compradas polo
capital), non son fenómenos illados.

6. Unha científica do século XVII, Margaret Cavendish escribiu unha
peza literaria que se titula Diálogo entre un carballo e o leñador que
o vai talar. Menciónoa porque a suposta cursilería que fai as mulleres
sentir tenrura cara aos animais que van morrer ten lazos estreitos co
concepto de empatía moral: quizais historicamente as mulleres foilles
máis sinxelo verse como bufóns, como mascotas, como reses, fronte a
unha tradición antropocéntrica que permite someter os animais porque
supostamente non son conscientes da súa dor. Novamente, as mulleres
desde as marxes viron outra realidade e coincidiron nas súas análises
coas actuais investigacións en ética.

Parece difícil soster que nun mundo xusto un gorila con alta
percepción da realidade do medio teña que someterse a experimentos de
laboratorio, ou que as nosas fragas, como non poden berrar, teñan que
estar baixo a bota do capital. No modelo supratecnolóxico en que
vivimos mergulladas, onde prima a razón instrumental, só cabe a
dominación dos obxectos e a cousificación do seres vivos. Por iso, a
mediados do século XX a ciencia estendeu o uso dos animais na
investigación, coincidindo coa explosión tecnolóxica que deu novo pulo
ás prácticas de criar e matar animais para comer. A introdución de
granxas industriais marcou un paso no proceso de dominio dos animais,
a causa do número de individuos expostos a procedementos mecánicos e
porque afectaba á totalidade da sociedade. Non temos obriga de seguir
vendo as cousas dese xeito.

6. Todos os modelos políticos na historia foron produtivistas, isto
é, procuraron obter maior cantidade de bens para facilitar a vida
material dos seres humanos. Só despois de sermos máis persoas das que
o planeta pode conter, só despois de arrasarmos as fragas, de
contaminarmos as augas, só despois da bomba atómica, só despois de que
o aire nas cidades sexa irrespirábel e de que as crianzas de Chernobyl
nacesen con malformacións, só despois de tanta catástrofe natural,
comezamos a elaborar a idea de manter a natureza para as xeracións
vindeiras. Antes, os códigos morais difundidos polas relixións e por
outros relatos menos formais non incluían os individuos non humanos.
Podería eu tirar a lavadora que non funciona no monte, baleirar o meu
botiquín caducado no Sarela, meterlle un puñal polo ollo a un xato
acabado de nacer en presenza da súa nai ou calquera outro horror que
se me ocorrese sen deixar de ser unha cidadá exemplar. Os mandamentos
da relixión católica inclúen como pecado desexar a muller do próximo,
non contaminar un río; é a moral dunha tribo de pastores asiáticos de
hai séculos, non cabe esperar enormes sofisticacións.

Evidentemente non somos seres naturais xa ninguén, senón ciborgs que
cada día con maior alegría acoden a próteses e reconstrucións
estéticas, ademais de aceptarmos desnaturalizarnos con válvulas,
implantes, ou transfusións. Porén o eco-feminismo non actúa como unha
seita que prohiba prácticas pouco naturais. É certo que algunhas
autoras maximizaron as posibilidades metafóricas da comuñón coa
natureza, mesmo no sentido místico mais, na realidade, trabállase en
accións de rebeldía, que impiden que unha acción violenta teña efecto
e que se moven polo principio de non deixar agresións sen resposta. As
eco-feministas, hai que dicilo alto e claro, non somos hippys
come-flores, non vivimos nun mundo de conto de fadas; non falamos
moito nin temos potentes altofalantes; falamos baixiño, mentres
traballamos arreo, tocando o chan coas mans.

Hai quen identifica ecoloxía e conservadorismo. É certo que unha
persoa pode apegarse a unha paisaxe, a un animal ou mesmo a unha
maneira de producir patacas por nostalxia dos tempos pasados. Mais o
tipo de problemas que temos hoxe abertos, fundamentalmente, a
necesidade de decrecer diante dun planeta exhausto, que conta con
recursos finitos e que xa saqueamos bastante, obriga a un tipo de
compromisos que non se poden satisfacer desde ópticas acomodadas. Nin
sequera militantes moi activos en organizacións con compromiso dan
captado a cantidade de frontes abertas a que nos aboca o actual
pensamento e activismo ecolóxico. Por iso o ecofeminismo non é
conservador, senón libertario; non é tradicionalista, senón crítico
coa innovación tecnolóxica que se fai sen sustento; non pretende
continuar co mundo tal cal é senón trazar unha figura redonda e
perfecta; un mundo novo.

No momento de nos incorporarmos á historia, o actual, as mulleres
estamos en condición de achegar valores propios, cultivados nas marxes
do sistema e, por tanto, anti-sistema Serán valores ás veces estraños
no mundo do éxito, que explican porque nos sentimos mellor colaborando
que liderando, porque preferimos ocupar moitas o podio que ocupalo
soas, porque as medallas profesionais, sendo interesantes e
atractivas, non valen se temos que deixar alguén querido abandonado á
súa sorte. Non se trata de idealizarmos os coidados, que son
extenuantes e acaparadores. Mais si de recoñecérmonos que a condición
de ser humano non implica só conducir un coche último modelo ataviada
cun roupa de marca e lucindo un corpo que o bisturí deseñou á moda. A
condición de ser humano tamén pode vir dada pola calidade das
relacións afectivas que gozamos, pola felicidade que podemos dar a
outras persoas, polo tempo ocupado en consolar, en animar, en
corrixir, en conversar, polo pracer das relacións sexuais que
mantemos. Porque, ademais das épicas do éxito, existen outras formas
de goce e a estas alturas boa parte do pensamento da humanidade se
volve a formular unha pregunta básica, que vida paga a pena de ser
vivida?

A simplicidade voluntaria na existencia, a frugalidade e o respecto do
medio natural implican que o pensamento libertario e o pensamento
feminista se dean a man neste momento para fraguar unha alternativa
decrecentista, que implique traballar menos, para ter menos
materialmente e recuperarmos tantas liberdades perdidas. En medio de
loitas pola auga, de defensa da diversidade das sementes, de
rexeitamento dos transxénicos, de recuperación das relacións entre
quen produce alimentos e quen os consome, o ecofeminismo aínda atende
a unha loita inexcusábel: a das liberdades. Autoras como Greta Gaard,
Carol Adams, ou Catriona Sandilands levan anos traballando nos límites
entre muller e animal nunha liña queer, unha liña onde non hai
barreiras discretas. Tratan estas autoras de conxugar o potencial
revolucionario da ecoloxía co carácter subversivo da teoría queer, esa
que di que non todo se reduce a ser boi ou vaca. Pretenden examinar
como o racismo, o heterosexismo, o clasismo, a discriminación por
razón de idade, e a discriminación dea natureza están operando no
mesmo sentido. Traballan interrogándose sobre que significa natural e
que significa dominio. Eu, que tamén me considero ecofeminista queer,
atopo aquí un espazo de intervención que me converte en activista do
decrecentismo, da produción ecolóxica, da eco-diversidade (biolóxica e
tamén cultural e, daquela, en defensora das linguas minorizadas como o
galego), en crítica coa tecnoloxía patriarcal e, por tanto, cos
transxénicos. Á espera de que a sociedade esperte, procuramos
introducir principios renovadores e ilusionantes de acción política.
Algúns deles son simpáticos, por exemplo recuperar tempo para o sexo
ou para a boa conversa; outros inducen certa angustia, como cando
cuestionamos a práctica tradicional da matanza e pensamos que ser
vexetariana é, por moito que nos custe prescindir do chourizo,
congruente co mundo que queremos crear; que o compromiso pola
transformación social trae demandas inescusábeis, mesmo se caen fóra
do que tradicionalmente se chamou política. Paseo por unha zona
comercial en Compostela. Vou na procura das carnizarías: tres están
seguidas nunha mesma rúa. Alí, á luz do expositor, vexo media ducia de
polos. Están mortos, desplumados, a cabeza movida a un lado, as patas
en alto, o corpo aberto para que se poida apreciar que foron limpos e
baleirados. Na miña retina a imaxe aparece como o retrato dunha
violación en masa. Non sei que será. Talvez sexa o cheiro, que lembra
algo o sangue menstrual. Tal vez será a pel, tan fina, tan feminina,
tan de sensación profunda que cando teño sensacións profundas digo que
se me pon a pel de galiña. Mais as galiñas vivas non mostran a pel,
que van cubertas de plumas. Teñen que estar mortas para velas como
mulleres espidas. O corpo aberto e esnaquizado ten un aquel de
violencia indescritíbel. Até aquí iría a estética. Agora vén a ética:
que farán con todos estes animais? Gardalos na cámara cando acabe o
día á espera de que alguén os merque mañá? Calculo que o mercado ten
as súas propias leis e que non se sacrificará en exceso para non xerar
un excedente de produtos que soborden a data de caducidade
aconsellada. Mais as dúbidas continúan. Ás veces, o sacrificio dun
corpo que estaba vivo xustifícase argumentando que o precisamos para
vivir. Si? Realmente precisabamos para mantérmonos o sacrificio destes
animais cos que agora non sabemos que facer? Só na comarca compostelá,
cantos pitos se sacrificarán cada día? Cantos deles están de máis,
para que o expositor da carnizaría apareza ben provisto en variedade e
cantidade? Antes gustábame comer carne con monllo e afundir o pan. Non
pensaba o que había que facer para regalarme con iso. Se o penso, non
o soporto. Tamén hai unha felicidade, un pracer que procede de que ao
prato só cheguen produtos que non foron sacrificados: arroz con
cogomelos, pasta con améndoas, grelos con patacas, revolto de
espinacas e allos tenros, ensalada con queixo, uvas pasas, mel... Os
pitos exhibidos na carnizaría, matados antes de que ninguén os
demandase para comer, teñen a pel limpa e sen pelos que lembra unha
muller. As mulleres, excluídas historicamente de tantas loitas
procuran hoxe achegar os valores underground, os das marxes, a un
sistema que debe ser derrubado para colocar no seu lugar un mundo
novo. Todas estas ideas forman parte dun movemento que pretende
dignificar a natureza; nin conservadoras, nin antigas, senón
preparadas para o decrecentismo que vén: esas somos as ecofeministas.



4 comentarios:

  1. Ni conservadoras, ni progresistas, ni mujeres ni hombres, todos somos parte de la naturaleza; todos debemos empezar a consumir lo que realmente es necesario, y exigir que nos dejen hacer uso de todas nuestras potencialidades comm seres humanos.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo6:15 p. m.

    Moure, se de verdade queres renunciar a todos os teus privilexios, anda, sé coherente e faite vegana, que é moito máis revolucionario que facerse reitegrata (con todo o repecto cara o reintegracionismo). Isto é bo pra os sentintes non humanos e seguro que che interesa, gostas estar nas márxenes e xs veganxs non somos queridxs en ningures, nin nos márxenes nacionalistas (atentamos contra a prezada cultura que queren conservar) ni entre xs seguidorxs do ecoloxismo dominante.

    Ou es que es ti mellor ca unha vaca? Porque apropiarnos no seu sistema reproductivo, do seu leite?

    ResponderEliminar
  3. Anónimo8:23 p. m.

    "Anónimo", vese que non les moito a Teresa Moure. Fai moitos anos que é vegana.
    Apertas

    ResponderEliminar
  4. Anónimo1:56 p. m.

    Nótase que Anónimo é Anónimo e non Anónima.
    Aínda que fose Anónima.

    é.

    ResponderEliminar